Friday 17 de May de 2024

Turismo de Galicia avoga pola ‘Ruta do Impresionismo das Mariñas’ para incrementar o turismo na zona


A iniciativa está posta en marcha en colaboración co Consorcio As Mariñas e postúlase a converterse en Itinerario Cultural Europeo en 2017

O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, asegurou que a Ruta do Impresionismo das Mariñas, ten un gran potencial para incrementar o turismo na zona e salientou que está postulada a converterse en Itinerario Cultural Europeo en 2017. O xerente fixo estas declaracións nun acto no que tamén participaron o presidente do Consorcio As Mariñas, José Antonio Santiso Miramontes, e o alcalde de Sada, Benito Portela Fernández.

A Ruta do Impresionismo das Mariñas é froito dun convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e o Consorcio As Mariñas. O seu obxectivo é poñer en valor a obra de Francisco Llorens como o pintor das Mariñas e difundir o patrimonio natural, cultural, paisaxístico e turístico deste xeodestino.

A Ruta está centrada na figura do pintor Francisco Llorens, un dos paisaxistas de referencia na historia da arte do século XX en Galicia polo peso que a Comunidade ten na súa obra e que recolleu nas súas obras diferentes puntos das Mariñas como a Ponte da Pasaxe, Oleiros, Sada, Betanzos, Mera ou O Pedrido.

Rafael Sánchez afirmou que iniciativas deste tipo afianzan o posicionamento de Galicia como destino turístico diferencial e impulsan a desestacionalización da demanda, un dos retos prioritarios de Turismo de Galicia na actualidade.

Datos do turismo no xeodestino
Segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), no que vai de ano este xeodestino da Coruña e As Mariñas rexistrou un incremento do 10,28% en canto aos viaxeiros aloxados nos seus establecementos hoteleiros e superou nun 2,99% as pernoitas rexistradas en relación ao mesmo período de 2015. Ademais, o turismo internacional experimentou un crecemento superior ao 5%.